Eu son

Músico compositor e pianista jazz. Tamén me podes encontrar a editar e producir son ou a programar algunha aplicación para algún tipo de música interactiva.

Que fago

Teño especial interese en formas de música interactivas, é dicir, música non escrita de principio a fin. Aínda que o jazz puido ser para min unha continua fonte de inspiración, procuro a interactividade tamén por outros medios, como a electrónica ou o Sound Painting. Con esta idea creei a instalación interactiva Xadrez 1, que levei á Bineal de Cerveira e ó Festival Semibreve de Braga.

Tamén tiven a oportunidade de mostrar composicións miñas noutras salas, como o Teatro Helena Sá e Costa e Café-Concerto Francisco Beja. Tampouco esquecín a miña paixón pola música jazz, que me levou a estrea-la miña obra para Big Band Grumpy Levy na Casa da Música, onde tiven a honra de tocar, así como a participar en proxectos como Pi graos, o Coro da Rá e o meu propio coro, Vía Sete.

De onde veño

A miña nai soubo que eu debía estudar música cando, sen aínda saber atarme os cordóns dos zapatos, adiviñaba os nomes dos compositores das películas ou da radio. Cando puiden, comecei a estudar música de forma sistemática. Pasei moitos anos a estudar piano jazz e cando cheguei á maioría de idade, decidín formarme en son e música para medios audiovisuais, para o que cursei a Licenciatura en Comunicación Audiovisual. Isto levoume a traballar no estudo de son Cinemar Films e, posteriormente, a incorpora-las técnicas de edición de audio no deseño sonoro que emprego na miña música.

Por outra banda, comecei a traballar na música como transformadora social coa empresa XENEME, de onde saiu o proxecto social máis persoal no que traballo, o coro aficionado Vía Sete.

Foi a partir daquí que decidín leva-la música un paso máis alén e entrar a estudar Composición na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo, no Porto. Nesta escola tiven a oportunidade de ter aulas con Carlos Azevedo, Dimitris Andrikopoulos, Eugénio Amorim, Ângela da Ponte, José Alberto Gomes, Rui Dias, Gilberto Bernardes, Abe Rábade, Barbara Francke, Telmo Marques, Pedro Santos e Filipe Vieira.

Tamén asistín a seminarios e cursos con Helmut Lachenmann, Christopher Dobrian, Vic Hoyland, Ivo Medek, Vít Zouhar, Nicolas Bacri, Jeffrey Treviño, Fernando Lapa, Wim Henderickx e Jorrit Tamminga.